Crítica X. ANTÓN CASTRO

Dicir que a pintura en Galicia se someteu a unha dimensión proxectual desde que adquiríu un corpus histórico, no primeiro tercio de século, non é nada novo, porque sabemos que entón non só se logrou definir, mercede a uns cantos renovadores-nunha liña que iría de Maside a Laxeiro-, unha antropoloxía singular, senón tamén unha linguaxe diferenciada que fusionou, con intelixencia, a tradición popular e a aspiración vangardista.
De este principio parte, sen dúbida, a pintura de Pousseu, que se sitúa no debate da herdanza histórica de aquel proxecto, á vez que privilexia unha posición figurativa que se enmarca nas mesmas entrañas dunha etnografía actualizada pola paixón e a tenrura, sentimentos que centra na figura humana. E faino no senso máis amplo, como portador dunha carga humanística e comprometida coa realidade, unha cualidade que vislumbramos xa nos máis atinados representantes do noso vangardismo renovador. Deste xeito non é extrano descubrir un mundo de fábulas, como retrato de unha Galicia real e imaxinada, narrado en primeira persoa, exaltando a calidez do eu máis pulsional, algo que acentúa cunha concreción formal expresionista, unhas veces a proximándose á virulencia do graffiti ou á visceralidade da libertade xestual, outras acudindo á elaboración clásica dun debuxo reduccionista.
Conceptualmente os principios que percorren a obra insisten nunha filosofía común: na devandita reflexión sobre Galicia como pretexto cotián. Pretexto fabulado a maioría das veces, utopía que transmite a realidade que proxecta en esceas de sempre, como alegorías que definen un entrono de felices presaxios en rutilante movemento frenético, acompasado por ritmos formáis e cromáticos suavemente cálidos. Aínda que, eso sí, elevando a escenificación a un tono irónico ou metairónico, onde o humor actúa máis como elemento de tenra emoción interpretativa que como opción crítica ácida. Isto non exclúe que o seu amplio e versátil mostrario da actualizada Galicia etnográfica, nun presente intemporal, adopte unha mirada complacente, porque o humor de Pousseu define, como sucedía en Laxeiro, un aire socarrón e polo tanto implica un ir máis aló do simple xesto para afondar no que hai diante ou detrás das imaxes.
Imaxes que configuran procesións, pandeiradas, entroidos, narracións co país ó fondo, pero tamén intentos de idear a paisaxe humana ou natural como escea intrascendente que, ó final, centra a súa mirada sesgada na vida: unha fábula pastoril como sono real, unha muller peiteándose ou espreguizándose, un grupo musical en plena acción, a remembranza do jazz nun café de Pontevedra ... .
É dicir, anacos de vida previstos como simbólica presencia de inquedanzas persoáis. Velaí a versión narrada pois, en primeira persoa aludindo, en ocasións á historia, ós "trasnos de Montmartre" que evocan a metamorfose do Picasso máis onírico dos anos vinte e o mundo dos seus Minotauros, previstos en clave esencialmente galega, a particular intuición xeométrica que perfila a arquitectura das súas construccións, nas que a mensura é un elemento de equilibrio -a man do arquitecto que está, indudablemente, presente- e o horror ó vacío unha constante. Fuxida do vacío que marca a dimensión barroca -agora que se fala tanto de neobarroco na arte- como aspecto diferencial da mellor arte galega no dominio da pintura.

X. Antón Castro
Pontevedra, maio de 1998

1 comentario:

Anónimo dijo...

Es el comentario de un destacado crítico de Arte del panorama artístico en Galicia.